Sobre a «Feciga»
Que é a «Feciga» ou Federación de Cineclubes de Galicia?
É unha asociación sociocultural independente e sen ánimo de lucro, constituída o 8 de xullo de 1984 e que, con carácter de Federación, agrupa á práctica totalidade dos cineclubes existentes no noso país, que actúa como xestora destes, e ademais, como prestadora de servizos de asesoramento e organización de proxectos a entidades oficiais e privadas; programas de proxeccións, talleres de cine, mesas de debate relacionadas co cinema, etc.
Breve historia da Federación
Durante a década dos setenta producíronse varios intentos de constituír unha Federación dos Cineclubes de Galicia. O máis relevante foi en 1977 cos cineclubes «Padre Feijoo» (Ourense), Pontevedra e «Valle-Inclán» (Lugo), entre outros. Foi en 1983 cando, nas «IX Semán de Cine do Carballiño» (I Xociviga), se acordou poñer as bases da asociación, que se constituíu en xullo de 1984 na «I Semana de Cine de Vilagarcía» como Federación de Cineclubes de Galicia (Feciga), co obxectivo de dinamizar o cineclubismo galego.
A primeira xunta reitora estivo composta por Sexismundo Bobillo Morgade, Ana Fernández, Miguel Anxo Fernández, Luis Rodríguez Taus, X. M. Rodríguez, Anxo Santomil e Marcos Valcárcel López.
Os cineclubes de Ádega (Vilagarcía, Pontevedra), Barbanza (Boiro, A Coruña), Cangas (Cangas, Pontevedra), Carballiño (O Carballiño, Ourense), Carballo (Carballo, A Coruña), Os Chaos (Amoeiro, Ourense), Galiñeiro (Verín, Ourense), «Groucho Marx» (O Barco, Ourense), «Padre Feijoo» (Ourense), Pontevedra (Pontevedra), Toma 3 (Xinzo de Limia, Ourense) e «Valle-Inclán» (Lugo), compoñían na súa primeira andaina a Federación de Cineclubes en Galicia.
Desde entón, a «Feciga» formalizou acordos cos cineclubes de Portugal, como a creación da Comisión Luso-Galaica de Cooperación Cinematográfica e Cineclubista, e desenvolveu, entre outras actividades, os ciclos Clásicos do cine americano (1984), Clásicos do cine europeo (1985), ciclo grandes obras do cine (1987), Vive cine Galego (1988, 1989 e 1990), e organizou varias edicións do certame de escritos sobre a historia da Galicia cinematográfica (desde 1986) e un Curso de Cine de Animación (1989).
A Federación de Cineclubes de Galicia «Feciga» pertence á Confederación de Cineclubes do Estado Español e á Fédération Internationale des Ciné-Clubs (FICC). Como membro desta última ten participado na configuración de xurados do Premio Don Quixote, que se outorga en diversos festivais internacionais, como Karlovy Vary, Leipzig ou Évora.
Como pertencer á Federación de Cineclubes de Galicia «Feciga»?
Un cineclube constituído legalmente como asociación pode solicitar a súa incorporación á Federación de Cineclubes de Galicia (Feciga) enchendo esta solicitude, debes achegar copias dos vosos estatutos amais dunha copia da acta polo que se acorda a integración na «Feciga». Na seguinte asemblea xeral decídese, senón houbese ningún impedimento na súa contra, a adhesión da asociación como cineclube federado.
Durante un ano non é posíbel optar ás axudas ofrecidas pola «Feciga» para a organización de ciclos e semanas de cinema, porén a asemblea poderá conceder unha axuda en concepto de «inicio de actividade», se así o considera a maioría dos seus asociados. Unha vez transcorrido ese tempo, participarás en igualdade de condicións que todos os cineclubes.
A «Feciga» será a encargada da contratación ás distribuidoras dos filmes obxecto da axuda, e cada cineclube beneficiario desta deberá satisfacer a cantidade correspondente a eses gastos (aluguer, transporte, …etc.); a cantidade que deberá pagar levará xa descontado o importe da axuda da «Feciga» correspondente á porcentaxe acordada en asemblea para todos os seus membros.